Un respeto para o Capítulo Serenísimo

No seu afán por desprestixiar ó Capítulo Serenísimo do Albariño, os grupos da esquerda que hoxe gobernan o Concello de Cambados parecen dispostos a boicotear case 50 anos de tradición cambadesa. Os membros do cuatripartito levan varios trienios –dende a oposición- esgrimindo unha suposta “politización” da festa como espada flamíxera contra a orde cabaleresca conxurada para defender ó Príncipe Dourado dos Viños. Na súa histérica cruzada esquecen, ou finxen ignorar, que o gran inspirador do Capítulo foi o escritor Álvaro Cunqueiro e o seu principal impulsor o alcalde Joaquín Fole, xunto con Manuel Fraga, alá por 1969, pouco despois de instaurar o Parador Nacional que nos situou no mapa turístico de Europa. Tamén descoñecen –imaxino- que dende as primeiras edicións os fundadores da cata concurso que logo derivou en Festa do Albariño, convidaron a autoridades políticas e xurídicas, ademáis de cosecheiros, escritores e intelectuais.

É verdade que o Capítulo ten na súa nómina de cabaleiros a numerosos políticos, mesmo xefes de Estado como o Rei Felipe VI, o presidente da República Francesa, Charles de Gaulle, e o presidente da República Arxentina, Juan Domingo Perón; o presidente do Goberno en funcións, presidente da Xunta de Galicia, conselleiros, deputados, alcaldes, etc.

¿Debémonos avergoñar os cambadeses por isto?

O Capítulo Serenísimo creouse co obxectivo de sacar a celebración ás rúas, conferíndolle o meirande realce posible á Festa, que non deixaba de ser un xantar entre amigos e unha cata concurso entre uns poucos cosecheiros. Co paso do tempo a Orde transformouse no mellor instrumento promocional cara o exterior ata o punto de ser hoxe a principal imaxe de marca da Festa do Albariño e o primeiro factor de internacionalización do evento. Se desaparecera o Capítulo, cousa que non debería suceder malia a inquina dos 4 grupos que gobernan o Concello, a Festa perdería unha das principais sinais de identidade que a caracterizan, deixaría de ser a máis importante de España e perdería a súa proxección internacional. Volvería limitarse a un xantar e unha cata concurso, adubiada con múltiples actividades, pero sen a relevancia dos últimos anos.

O papelón mais grotesco deste vodevil a 4 voces correspóndelle á alcaldesa, que xa é anécdota histórica: primeira rexedora municipal que abandona os compromisos no Capitulo. O pasado ano fíxose investir dama e copeira maior albariñense (finxindo? sentirse moi honrada coa investidura) para, agora, anunciar que se desentende do asunto. Así, “porque yo lo valgo”, sen despeinarse, a señora alcaldesa fai “mutis por el foro” e fuxe sen aclarar semellante incoherencia. Ademais de explicar esta irresponsable espantada, a rexedora de-todos- los-cambadeses- debería explicarlle ó presidente da Xunta –que acude cada primeiro domingo de agosto a Cambados como gran mestre do Capítulo- por que lle da plantón e renega do seu compromiso solemnemente adquirido en agosto de 2015. A señora alcaldesa debería explicarlle ó consello regulador –outro membro nato do Capítulo, xunto co Concello-, pero tamén a viticultores e adegueiros integrados, por que renuncia despois de comprometerse e por qué o Concello se desvincula da organización dun dos principais eventos da festa. Tamén debería explicarlle ós cambadeses por que ningunea ó Capítulo menosprezando ós seus antecesores na Alcaldía, dende o lembrado José Peña ata o actual delegado da Xunta, Cores Tourís, pasando por Andrés Iglesias, Jaime Silva, Xoán Antonio Pillado e Joaquín Fole, que –ademais de alcalde- foi candidato do PSOE nas municipais de 1991-, varios deles cabaleiros da Orde e todos eles distinguidos coa Folla de Ouro, máximo galardón do Capítulo Serenísimo.

Pero sobre todo, señora alcaldesa, debería aclarar por que vostede ningunea ós moitos cambadeses ilustres que forman parte e/ou foron homenaxeados pola Orde Serenísima, como José Rodiño, primeiro gañador da cata concurso; Bernardino Quintanilla, Ernesto Zárate, Ángel Botana, Juan Salgado, Francisco Fdez. Aguiño, fundadores e pioneiros da festa; María Victoria Quintanilla –filla do fundador-; Ramón Cabanillas Álvarez –fillo do noso poeta-; Isidoro Millán, Joaquín Gil Armada; todos os alcaldes dende 1952 ata 2015; os cosecheiros e taberneiros Ramón Reboredo Costa, Gabriel Piñeiro Cordal, Ramón Pintos Vilas, Benito Silva; os artistas Manolo Paz, Lino Silva e Francisco Leiro; Ernesto Losada, dinamizador do turismo; Amancio Horro González, aviador; José Luis Costa Pillado, ilustre xurista, e un longo etcétera.

Alcaldesa, ¿vaille pedir a todos eles que sigan o seu exemplo e que renuncien a formar parte do Capítulo porque non funciona como a vostedes lles gustaría? ¿Vaille pedir ó presidente da Xunta que deixe de ser gran mestre e abandone o Capítulo? ¿Vai retirar ó Concello da súa condición de membro nato do Capítulo? ¿Vaise presentar no acto de investidura a explicar por que abandona o Capítulo? ¿Vai propugnar a desaparición do Capítulo tras case 50 anos de historia deixando a Festa sen opcións de ser declarada de interese internacional?

Por favor, señora alcaldesa e señores concelleiros, mentres reflexionan, un respeto para as persoas que integran o Capítulo Serenísimo do Albariño.

*Esta carta fue enviada al correo de este blog días antes del inicio de la Festa do Albariño. 

Imagen de cabecera: Archivo

Deja un comentario

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies de terceros para mejorar la experiencia de los usuarios y ofrecer contenidos y publicidad de interés. Si continúa navegando acepta su uso. Para cambiar la configuración de su navegador consulte nuestra política de cookies ACEPTAR